Friday 17 de May de 2024

Trenor visita as obras de mellora e ampliación da Escola Infantil da Ceboliña que contou cunha axuda da Xunta de 130.000€


— Este centro tamén recibirá neste curso escolar 2023-24 unha subvención de 88.210 euros para o mantemento e a gratuidade da escola.

— O Goberno galego aprobou outra axuda de 265.000 euros para a construción doutra escola infantil de 43 prazas na antiga escola unitaria de Xarío

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Miño, Manuel Vázquez, visitaron a escola infantil a Ceboliña para supervisar as obras que se executaron neste centro que permitiron a ampliación das súas prazas das 56 iniciais en 2022 ás 76 que existen na actualidade. O delegado da Xunta subliñou que este centro contou cunha axuda da Xunta por un importe de máis de 130.000 euros que permitiron a execución das obras de ampliación e a mellora do equipamento e material do centro.

“Con esta actuación, apuntou o representante do Goberno autonómico, damos resposta a un incremento de demanda de prazas nun Concello que se atopa nunha fase de crecemento polo que se trata dun servizo moi demandado”.

Trenor destacou que este centro tamén recibirá, neste curso escolar 2023-24, unha subvención de 88.210 euros para o mantemento e a gratuidade da escola.

Trenor lembrou que a Xunta aposta pola etapa 0 a 3 anos facilitando o acceso de todos os pais a unha escola infantil, ampliando os centros e renovando e actualizando as instalacións da rede pública autonómica. Neste sentido, concretou a posta en marcha de medidas como a gratuidade de todas as escolas infantís, independentemente da súa titularidade, que beneficia a máis de 31.000 familias de toda Galicia.

O delegado da Xunta subliñou tamén que Miño recibirá outra subvención de 265.000 euros para a construción doutra nova escola infantil de 43 prazas na antiga escola unitaria de Xarío.

Así mesmo, tamén sinalou que a Xunta favorece a creación ou ampliación de escolas infantís de titularidade municipal a través desta orde de axudas específica dotada con 34 millóns de euros e tamén impulsa programas innovadores para a atención dos máis pequenos.